A nosa historia

O noso centro

O Centro Residencial Docente de Vigo é un centro educativo para que os estudantes de ensino secundario ou ciclos formativos que teñan a súa residencia habitual lonxe desta localidade (VIGO) poidan cursar os seus estudos e, excepcionalmente, tamén para o alumnado universitario.

Está ubicado na cidade de Vigo, a súa poboación é de aproximadamente 300.000 habitantes. Está situado na estrada de Madrid, no alto do monte Meixoeiro, xunto ao Complexo hospitalario do mesmo nome, e circundado polos centros escolares CIFP Manuel Antonio (compartimos recinto, instalacións e servizos), o IES Carlos Casares, o IES Ricardo Mella, e o CIFP Valentín Paz Andrade. Varias liñas de transporte urbano permiten a súa comunicación coa cidade.

Historia

O Centro Residencial Docente de Vigo (CRD) foi construído no ano 1976, érguese extendido sobre a vertente norte da ladeira dunha colina, que se atopa no lugar do Meixoeiro no barrio do Arieiro e ao que se chega pola Estrada Xeral de Madrid. Esta situación privilexiada, está directamente comunicada mediante a autoestrada AP9 que vertebra toda a franxa atlántica de Galicia e a comunica con Portugal en aproximadamente 30 minutos. Dende o punto de vista arquitectónico hai que salientar a orixinalidade da súa construción, cualidade que o acredita como un dos edificios docentes máis singulares de Galicia. Na súa estructura diferéncianse claramente dous corpos: por unha banda o Centro Residencial Docente (CRD) e pola outra o CIFP Manuel Antonio formado por una peculiar combinación de módulos que se comunican entre eles. Todo isto forma unha unidade con distintas zonas ben diferenciadas, simulando a organización arquitectónica das aldeas tradicionais galegas.

Características físicas do centro

Dentro do conxunto destaca como parte central o Salón de Actos de forma poligonal o anfiteatro ao aire libre, que representarían respectivamente a igrexa e a praza principal da localidade, arredor das que se situarían os edificios más significativos da aldea: edificio administrativo e as vivendas.
Todo o conxunto arquitectónico ten una grande orixinalidade debido á integración da construción na paisaxe: espazos verdes que semellan prados, dotados con posterioridade de diversas variedades de árbores. De feito, o obxectivo primordial desta conxunción coa natureza era o fácil acceso ao exterior. O Centro Residencial Docente de Vigo (CRD), está rodeado dun gran espazo natural e a súa superficie aproxímase aos 100.000 m2, dos que 35.000 m2 son de bosque, onde existe unha gran variedade de arboredo autóctono, especialmente castiñeiros.

Este conxunto (CRD-CIFP) inicialmente foi creado como Universidade Laboral, pasando logo a CRD-CEI (Centro de Ensinanzas Integradas), posteriormente a CRD-IESP (Instituto de Ensino Secundario e Profesional), logo a CRD-IES e no ano 2011 en CRD-CIFP(Centro Integrado de Formación Profesional).

O CRD e o CIFP Manuel Antonio teñen os seus ancestros na rede de Universidades Laborais, creados na etapa do franquismo. Pretendían conseguir una especialización técnica nun oficio ou na industria. Como modelo educativo (o alumnado  en réxime interno), os plans de estudo dos Institutos Laborais e de Formación Profesional, aos que se lle engadía un Plan de Formación Humana.  Os cambios políticos na transición democrática tiveron tamén repercusión nas Universidades Laborais, e estas atravesaron una serie de vicisitudes que fixeron perder progresivamente a súa identidade, pasando dun ministerio a outro ata a súa integración no de Educación e Ciencia e logo transferíronse ás Comunidades Autónomas. Na actualidade o CRD xunto co CIFP  dependen da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, independentes e autónomos, comparten conxuntamente o mesmo recinto, as instalacións e porén, nos que traballadores e traballadoras comparten o seu esforzo de xeito colectivo e solidario, e contribúen a que o  Centro Educativo e Residencial sexa un referente do ensino en Vigo. Comparten conxuntamente un proxecto complementario nas súas instalacións de servizos docentes, para a realización da formación do profesorado, inmersións lingüísticas e outras actividades que poden ser realizadas por organismos vencellados ao ensino, fóra do horario lectivo e en periodos vacacionais.

Integrada na propia natureza atópase unha pista polideportiva e unha pista trimm, con distintos aparatos para realizar exercicios físicos.

O centro específico dispón de tres Residencias independentes e  comunicadas entre se por un corredor acritalar. Unha destas residencias, o Colexio Vagalume, está ocupada na actualidade por alumnos e as outras dúas, os Colexios Bolboreta e Anduriña, ocupadas por alumnado feminino.

A residencia Vagalume ten capacidade para 92 alumnos. Hai cuartos de dúas prazas e individuais. Os aseos e as duchas están distribuídos polas distintas plantas e son de uso común.

As residencias Bolboreta e Anduriña son simétricas na súa estructura e distribución. Teñen capacidade para 50 alumnas cada unha delas. Os cuartos son todos de dúas prazas. Os aseos e as duchas tamén son de uso común.


Cada unha das Residencias dispón dun despacho  para o persoal educativo e de distintas salas (TV, salas de xogos, de reunións, biblioteca, lavandaría,  prancha, secadoiros…) para uso dos/as residentes.


Na planta baixa da residencia Vagalume atópanse os espazos de convivencia común entre alumnos e alumnas: sala de xogos, sala de TV, sala de informática, biblioteca, ximnasio, perruquería etc.


Outras dependencias do centro: cafetaría, cociña-comedor, enfermaría, un edificio de servizos administrativos, dependencias de mantemento 
(caldeiras, carpintería, almacén, xardinería, etc.).