O pasado xoves 23 de maio tivo lugar a festa de graduación do alumnado residente e dos colaboradores bolseiros no Centro Residencial Docente de Vigo (CREDO) ao longo da promoción 2022/2024.
A súa directora-xerente Montserrat Vaqueiro abriu o acto co agradecemento a todo o persoal do CRD, transmitindo os parabéns e as felicitacións ás persoas residentes que neste curso rematan a súa estancia no Centro Residencial Docente. Igualmente fixo unha ampla alusión á importancia deste tipo de centros para acadar a equidade educativa, que garante a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axudan a superar calquera discriminación e accesibilidade universal á educación, actuando como un elemento compensador de desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais.
O centro acolle alumnado de toda a Comunidade Autónoma, procedente dun total de 38 concellos distintos, que cursan os seus estudos en 18 centros educativos de Vigo. Un total de 70 alumnos rematan este curso o seu paso polo Centro Residencial Docente.
Levouse a cabo unha proxección videográfica das actividades realizadas no centro; houbo mencións especiais aos alumnos/as cos mellores expedientes académicos.
Posteriormente impuxéronse as bandas de honra a todo o alumnado que rematou os seus estudos de ciclos formativos de grao medio, de grao superior e de bacharelatos.
O acto rematou cunha actuación musical e un ágape para todos os asistentes.