ENTREGA DE BANDAS DE HONRA NO CRD DE VIGO

O pasado xoves 1 de xuño tivo lugar a festa de graduación do alumnado residente no Centro Residencial Docente de Vigo (CREDO) ao longo da promoción 2021/2023.

A mestra de ceremonias, a súa directora-xerente Montserrat Vaqueiro abriu o acto cun discurso de agradecemento a todo o persoal do CRD, transmitindo os parabéns e as felicitacións ás familias e aos residentes que neste curso rematan a súa estancia no Centro Residencial Docente. Igualmente fixo unha ampla alusión á importancia deste tipo de centros para acadar a equidade educativa, que garante a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axudan a superar calquera discriminación e accesibilidade universal á educación, actuando como un elemento compensador de desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais.

O centro acolle alumnado de toda a Comunidade Autónoma, procedente dun total de 38 concellos distintos, que cursan os seus estudos en 18 centros educativos de Vigo. Un total de 80 alumnos rematan este curso o seu paso polo Centro Residencial Docente. No acto estiveron presentes:

  • D. César A. Pérez Ares, Xefe Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra
  • Dª Montserrat Vaqueiro Romero, Directora do CRD
  • D.ª María Jesús Rodríguez Sánchez, Xefa de Residencias do CRD
  • D. Miguel Ángel Hernández Montes, Inspector Xefe Provincial

 

A presentación correu a cargo dos alumnos-residentes. Levouse a cabo unha proxección vídeográfica das actividades realizadas no centro; houbo mencións especiais aos alumnos/as cos mellores expedientes académicos.

Valentín de Miguel, exdirector da residencia Anduriña levou a cabo a lección de peche do curso académico cunha disertación sobre a súa experiencia e as súas vivencias no CRD de Vigo. Posteriormente impuxéronse as bandas de honra a todo o alumnado que rematou os seus estudos de ciclos formativos de grao medio, de grao superior e de bacharelatos.

O acto rematou cunha actuación musical e un ágape para todos os asistentes.